- Proxecto que dará continuidade aos exitosos resultados alcanzados durante o RISC_ML “Prevención de Riscos de Inundacións e Secas na Conca Internacional do Miño-Limia”, desenvolto entre os anos 2017 e 2021
- O obxectivo é continuar mellorando a capacidade de resiliencia fronte aos riscos de inundacións e secas derivados do impacto do cambio climático nas concas internacionais dos ríos Miño e Limia
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do MITECO, presentou unha nova candidatura ao programa de cooperación transfronteiriza INTERREG VIN-A POCTEP 2021-2027 co proxecto RISC_PLUS que persegue unha maior resiliencia fronte aos riscos de inundacións e secas derivados do impacto do Cambio Climático nas concas internacionais dos ríos Miño e Limia, a través de novos avances en prevención, preparación e dixitalización.
Este novo proxecto sería unha continuación do proxecto RISC_ML (“Prevención de Riscos de Inundacións e Secas na Conca Internacional do Miño-Limia”), desenvolto entre os anos 2017 e 2021. A consecución dos obxectivos marcados, que se relacionan a continuación, impulsou, por tanto, esta candidatura:
- Mellora do coñecemento hidrolóxico da demarcación internacional tanto presente como futuro, con especial énfase no impacto do cambio climático sobre os recursos hídricos e nos fenómenos extremos, a súa duración e intensidade.
- Mellora dos sistemas de axuda á toma de decisións fronte a eventos de seca prolongada a través do desenvolvemento de protocolos de avaliación do risco de seca e de ferramentas para a toma de decisións.
- Mellora da capacidade de toma de decisións fronte a eventos de inundación, mediante a predición de caudais esperados a través da modelización hidrolóxica e hidráulica.
- Ampliar o coñecemento do impacto socioeconómico do cambio climático e dos eventos de secas e inundacións asociadas, co fin de propoñer medidas de adaptación e mitigación e analizar os seus custos económicos.
Novo proxecto
O proxecto RISC_PLUS exponse cunha duración de 3 anos, liderado, do mesmo xeito que no anterior proxecto RISC_ML, pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, contando como socios coa Agência Portuguesa do Ambiente – APA ARH Norte-, organismo competente na parte portuguesa da demarcación internacional en materia de augas, e coas universidades do Porto (Facultade de Engenharia – FEUP) e de Vigo (a través do Campus Auga), como centros de referencia en Galicia e o Norte de Portugal que achegarán o coñecemento preciso para a execución de actuacións que requiren un maior nivel de especificidade.
En canto ás melloras hai que destacar, por unha banda, a inclusión no sistema de 17 novas estacións (10 en España e 7 en Portugal), que repercutirán na obtención dun maior coñecemento da conca, doutra banda, a dixitalización, mediante o emprego das últimas tecnoloxías para facilitar tanto a análise das diferentes variables como a toma de decisións e as actuacións fronte á incerteza climática, contribuíndo á planificación para a adaptación do cambio climático.
Finalmente, e como aspecto máis novo, levará a cabo unha análise socioeconómica do efecto que os cambios proxectados poden ter sobre a poboación e determinados sectores económicos que están máis expostos ás consecuencias do cambio climático nas concas dos ríos Miño e Limia-Lima, medindo o custo da toma de medidas de mitigación/adaptación en comparación coa inactividade.
Co proxecto RISC_PLUS búscase, en definitiva, continuar avanzando cara a un plan hidrolóxico único para a demarcación internacional, conforme ao artigo 13.2 da Directiva Marco da auga.