A Confederación do Miño Sil lidera un proxecto para mitigar o risco por secas e inundacións na demarcación

  • O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño Sil, José Antonio Quiroga, presidiu este xoves a xornada de lanzamento do proxecto RISC-Plus no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense.
  • O proxecto, apoiado polo Programa Interreg VIN-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, representa “un paso fundamental” para aplicar os avances impulsados polo Organismo de conca a través doutros proxectos.

O obxectivo é establecer medidas que axudarán a paliar as consecuencias do cambio climático sobre os ríos, neste sentido busca mellorar o coñecemento hidrolóxico da demarcación internacional e mellorar os sistemas de axuda na toma de decisións fronte a eventos de inundación e fronte a eventos de seca prolongada, todo iso cun orzamento de máis dun 1.600.000 euros e un prazo de execución que finalizará en decembro do 2025.

A intención é que continúe o proxecto anterior, RISC-Miño-Limia, que supuxo un importante avance no coñecemento da bacía, segundo explicou Quiroga, lembrando que, a través dese proxecto, foi posible realizar “unha exhaustiva análise” da bacía mediante a revisión da rede hidrográfica, así como a obtención dun novo modelo dixital do terreo da parte portuguesa.

Ademais, creou un novo sistema de alerta temperá fronte a inundacións, a través do que se obtén a previsión de caudais e da extensión da mancha de inundación, “o que permite anticiparse aos fenómenos extremos”.

O presidente da CHMS destacou “a cooperación, a colaboración e a coordinación” entre entidades transfronteirizas e tamén entre universidades, apuntando que é un proxecto “transversal” onde “converxe o coñecemento para tentar facer fronte a un problema que é común”.

ACTUACIÓNS CONCRETAS

En actuacións concretas, o presidente da Confederación Hidrográfica ha resaltado a instalación de 17 novas estacións de control para achegar máis datos e servir de base para poñer en marcha políticas de resistencia, “porque sabemos que non se poden evitar as secas e as inundacións, pero tamén que a través do estudo do coñecemento pódense presentar medidas para frear o impacto”.

Neste sentido, destacou que os socios mostraron a súa satisfacción pola coordinación e cooperación, “que impulsa a seguir traballando ao unísono cara a un plan hidrolóxico entre territorios con características similares e con intereses comúns”, no que “a prevención, a protección e a preparación fronte aos fenómenos extremos son clave para evitar danos sobre persoas e os seus bens”.

Na presentación, Quiroga estivo acompañado polos representantes das entidades socias no proxecto, Inés Andrade, directora da ARH-NORTE, Axencia Portuguesa do Ambiente(APA), Javier Rodríguez Rajo, Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo; e Tiago Ferradosa, do Departamento de Engenharia Civil da Universidade do Porto.

Fonte da noticia: