2ª Reunión do Grupo de Traballo Conxunto do Proxecto Risc_Plus

  • Revisión das actividades iniciadas e da planificación das accións futuras para asegurar o aliñamento cos obxectivos estratéxicos do proxecto.
  • O recoñecemento do POCTEP Risc_Plus como proxecto de importancia estratéxica reforza o seu impacto e garante un apoio por parte do programa.

O grupo de traballo conxunto do proxecto Risc_Plus celebrou a súa segunda reunión estratéxica coa participación de todos os socios (CHMS; UVigo; APA e FEUP) no edificio Campus da auga da Universidade de Vigo, situado en Ourense. Durante a mesma, revisouse o grao de avance das actividades programadas, así como a planificación das accións para desenvolver nas próximas fases do proxecto.

Abordáronse as actualizacións normativas do programa POCTEP 2021-2027, cuxo propósito é mellorar a eficacia e transparencia na xestión dos proxectos, en liña coas directrices europeas. Destacouse a importancia de comprender e aplicar esta nova regulación para asegurar o éxito de Risc_Plus.

Ademais, examináronse as regras xa publicadas polo POCTEP, salientando nas pautas para seguir sobre a elixibilidade dos gastos e os procedementos de auditoría. Da mesma forma, exploráronse as diversas ferramentas de xestión deseñadas para facilitar o seguimento e coordinación da xestión do proxecto.

En canto ao desenvolvemento dos traballos, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) informou sobre os avances na tramitación administrativa dos proxectos,  previa á execución das novas estacións para a ampliación da Rede do Sistema Automático de Información Hidrolóxica (SAIH). Neste sentido, informouse do inicio do procedemento de licitación de 2 estacións, -río Quiroga en Quiroga (Lugo) e Río Sil en Toreno (León)- e dos avances noutras 2 cuxas proxecto de construción xa está redactado (río Narla en Friol -Lugo e Río Tremor en Torre del Bierzo -León).

Pola súa banda, o equipo da Universidade de Vigo presentou os avances alcanzados no sistema MIDAS, expoñendo o seu funcionamento, facendo fincapé nos dous modelos utilizados a nivel hidrolóxico (HEC-HMS) e hidráulico (IBER+), así como nas melloras futuras que se pretenden implementar no marco deste proxecto.

A Axencia Portuguesa de Ambiente (APA) tamén expuxo o avance dos proxectos de dúas estacións meteorolóxicas, así como da avaliación do impacto socioeconómico dos fenómenos extremos.

E por último, a FEUP, detallou a información dispoñible para as novas ferramentas de xestión da seca.

A reunión concluíu coa programación das accións para desenvolver nos próximos meses, co interese de alcanzar unha xestión máis efectiva e unha comunicación máis centralizada, preparándose así para enfrontar os desafíos e aproveitar as oportunidades que ofrece o POCTEP 2021-2027.