Os socios no proxecto europeo POCTEP RISC_PLUS valorizan o coidado dos ríos co alumnado do CEIP do Xurés (Lobios- Ourense)

  • A actividade “Ríos que nos unen”, desenvolta na contorna do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, combinou xogos educativos e un concurso de debuxo para sensibilizar sobre o valor da auga e o impacto do cambio climático.
  • Accións de sensibilización que reforzan a cooperación transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal no marco do programa europeo POCTEP.

Lobios, 16 de maio de 2025. O CEIP Plurilingüe do Xurés participou hoxe a xornada educativa “Ríos que nos unen”, unha acción lúdica e formativa enmarcada no Proxecto Europeo de Cooperación Transfronteiriza POCTEP RISC_PLUS. A iniciativa foi organizada polos socios do proxecto —a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), a Universidade de Vigo (UVigo), a Agência Portuguesa do Ambiente (APA) e a Universidade do Porto (U.Porto)— co obxectivo de promover a conciencia ambiental entre o alumnado desde idades temperás.

A xornada, dirixida ao alumnado de Educación Infantil e Primaria, incluíu actividades participativas e educativas centradas no coñecemento e o respecto pola auga, así como a protección do medio natural compartido entre España e Portugal. A través de dinámicas adaptadas ás súas idades, os escolares reflexionaron sobre a importancia dos ríos da súa contorna, como o Miño ou o Limia, e sobre a necesidade de preservar estes ecosistemas fluviais fronte a ameazas como a contaminación ou o cambio climático.

Como parte da actividade, celebrouse o concurso de debuxo “Coidando o meu río axudados, pola Unión Europea”, no que os nenos e nenas plasmaron as súas ideas sobre como protexer os leitos que forman parte do patrimonio natural transfronteirizo. As obras gañadoras foron anunciadas durante o evento e expostas no centro escolar, cunha destacada implicación e creatividade por parte do alumnado.

Esta acción educativa reforza o compromiso do proxecto RISC_PLUS coa sensibilización ambiental e a implicación cidadá como ferramentas clave para previr riscos asociados a fenómenos como as inundacións, obxectivo central do proxecto. Ademais, pon de relevo o valor engadido de formar parte dun proxecto de carácter estratéxico no marco da cooperación POCTEP, que fomenta solucións conxuntas para desafíos comúns na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.

A xornada de educación ambiental “Ríos que nos unen”, mostra como a ciencia, a educación e a colaboración internacional poden ir da man para sementar unha cidadanía máis consciente e comprometida coa súa contorna natural.

“Esta mañá realizamos varios talleres que resultaron todo un éxito de participación e de ganas de aprender en temas como o ciclo da auga; o beneficio que supón o traballo conxunto entre países fronteirizos que comparten concas fluviais; a axuda que nos presta a Unión Europea a través dos proxectos cofinanciados POCTEP; a importancia do aforro de auga, etc.” explicou Carlos Ruiz, xefe da OPH e director do proxecto RISC_PLUS.

“En nome de todos os socios no proxecto quero agradecer a participación do alumnado e a creatividade mostrada nos debuxos do concurso “Rios que nos unen”; e ao profesorado pola boa disposición e axuda desde a presentación do proxecto no centro educativo. Por ultimo e fundamental, o agradecemento á alcaldesa de Lobios pola magnífica acollida, predisposición e colaboración no evento” finalizou Ruiz Proxecto RISC_PLUSLas accións realizadas baixo o proxecto POCTEP RISC_PLUS están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg VIN A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027, que promove proxectos de cooperación transfronteiriza co apoio da Unión Europea.

Resolución do concurso “RIOS QUE NOS UNEN”
Educación infantil:
1º MIGUEL DOMINGUEZ SAES
2º BRAIS FERNÁNDEZ NUÑEZ
Educación primaria:
1º ELEA BASTOS FORT
2º HUGO IGLESIAS DELGADO