A Confederación Hidrográfica Miño-Sil reforza o seu sistema de vixilancia en Valdeorras para previr secas e inundacións

  • O organismo monitoriza os ríos, encoros e augas subterráneas na comarca cada cinco minutos para anticiparse a fenómenos extremos

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) intensificou o seu sistema de vixilancia co obxectivo de monitorizar en tempo real o estado dos ríos, encoros e augas subterráneas de Valdeorras, unha comarca especialmente vulnerable para os efectos do cambio climático. Con diversos puntos de control distribuídos na zona, o organismo recibe datos actualizados cada cinco minutos no seu Centro de Control de Conca (CECU), o que permite actuar de maneira inmediata #ante situacións de seca ou inundación.

Carlos Ruiz do Portal, xefe da Oficina de Planificación Hidrolóxica da CHMS, explica que cada un destes puntos establece limiares de alerta (amarelo, laranxa e vermello) en función da crecida dos ríos, algo crucial en Valdeorras debido á proximidade de núcleos urbanos cos leitos fluviais. Desta maneira, pódense emitir avisos a Protección Civil e activar os plans de prevención co fin de minimizar posibles danos á poboación e a contorna.

A pesar de que a conca Miño-Sil conta cunha pluviosidade media de 1.200 litros por metro cadrado ao ano, os episodios de seca foron cada vez máis frecuentes no século XXI, afectando á comarca de Valdeorras. Ruiz do Portal destaca que en 2022 a precipitación media reduciuse a 600-700 litros por metro cadrado, a metade do habitual, o que evidencia o impacto do cambio climático nos recursos hídricos da rexión.

O sistema da CHMS tamén inclúe un modelo de previsión que, con datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), permite predicir o comportamento dos caudais con ata seis días de antelación. Esta ferramenta é fundamental tanto para a xestión da auga en Valdeorras como para a planificación de medidas en caso de eventos extremos.

No curto prazo, a situación hídrica na comarca mantense dentro da normalidade. Os encoros están en niveis habituais e espéranse precipitacións nos próximos días que contribuirán a manter a estabilidade do sistema. Con todo, desde a CHMS faise un chamamento á poboación de Valdeorras para un uso responsable e eficiente da auga, subliñando que, aínda que é unha rexión historicamente chuviosa, o recurso non é ilimitado.

Fonte da noticia: