- Executadas novas estacións nos ríos Narla, Quiroga e Tamuxe, e en execución nos ríos Sil e Lobios
O proxecto europeo POCTEP RISC_PLUS, enfocado en fortalecer a resiliencia das concas transfronteirizas do Miño e Limia fronte ao cambio climático, deu importantes pasos na implementación de sistemas automáticos de información hidrolóxica e de calidade das augas, análises de secas e previsión de crecidas e inundacións. Estas accións consolidan o seu compromiso cunha xestión hídrica sostible e adaptada aos desafíos actuais.
Actualmente o sistema automático de información hidrolóxica (SAIH) conta con 116 puntos de control na Demarcación do Miño-Sil que serán 124 ao final do proxecto. Da mesma forma, o sistema automático de información de calidade das augas (SAICA) que conta con 18 estacións, verase incrementado a 20 unha vez que conclúa RISC_PLUS.
Ata a data, finalizaron os traballos e están en funcionamento as estacións situadas no río Narla en Friol (Lugo), río Quiroga en Quiroga (Lugo) e río Tamuxe no Rosal (Pontevedra). Ademais, dúas estacións máis se atopan nun avanzado estado de execución, coas obras civís practicamente concluídas situadas no río Sil en Toreno e no río Lobios en Lobios (Ourense).
“É importante lembrar que a través das estacións SAIH obtense información dos nosos leitos, en tempo real, baseado na captura, transmisión e procesado dos valores adoptados polas variables hidrometeorológicas e hidráulicas máis significativas; os sensores destes puntos de control sitúanse en localizacións xeográficas moi concretas e estudadas para conseguir datos precisos que axuden na toma de decisións” explicou José Antonio Quiroga, presidente da CHMS.