Diario de Pontevedra | A Uvigo exhibe un novo sistema de alerta de inundacións no IES de Ponte Caldelas

  • O instituto acolleu a tres investigadores que lles explicaron como funcionarán os futuros modelos de detección precoz de riadas e anegamentos

O grupo de investigación Ephyslab da Universidade de Vigo impartiu unha charla no IES de Ponte Caldelas, achegando ao alumnado as claves do cambio climático e o seu impacto nos eventos extremos, en especial, as inundacións, aínda que tomando como referencia o traballo en sistemas fluviais da montaña de Ourense que conflúen na conca Miño-Sil e non a súa contorna directa do río Verdugo.

Durante a sesión, os investigadores Helena Barreiro, Diego Fernández e José González Cao explicaron a evolución destes fenómenos na rexión e presentaron o Sistema de Alerta Temperá, unha ferramenta que se está a desenvolver no marco do proxecto Risc_Plus (pertencente ao proxecto europeo Poctec Risc_Plus). Este sistema está deseñado para anticipar e mitigar os efectos das inundacións, mellorando a preparación dos territorios afectados.

No proxecto participan, ademais, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Universidade do Porto e a Agência Portuguesa do Ambiente, tendo como obxectivo fortalecer a resiliencia das concas transfronteirizas do Miño e Limia fronte aos desafíos climáticos.

A base de funcionamento do sistema consiste principalmente en que, unha vez emitidas as previsións de Meteogalicia para as seguintes 72 horas, utilízanse como entrada no módulo hidrolóxico para transformar esa chuvia en escorrentía e obter as previsións de caudal en diferentes puntos de interese ao longo de toda a conca, tanto nos ríos principais, o Miño e o Sil, como nos seus afluentes.

Simulacións

Unha vez obtidos estes caudais, aplícanse ao módulo hidráulico, que permite facer simulacións de como será a inundación, se a houbese, xerada por eses caudais.

A charla buscou fomentar un espazo de reflexión e debate entre o alumnado, promovendo a conciencia ambiental e o papel crucial da ciencia na xestión do cambio climático.

As actividades deste grupo de estudo están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg, que promove proxectos de cooperación transfronteiriza.

Fonte da noticia: