Os VI Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga recoñeceron 11 traballos realizados tanto por persoal docente e investigador, como por alumnado da Universidade de Vigo. Neles abórdanse, en diferentes formatos, temas de alimentación funcional, xestión de recursos hídricos, agricultura e medio ambiente.
Estes galardóns están convocados pola Vicerreitoría do Campus de Ourense e financiados a través do convenio de colaboración que asinou a Universidade de Vigo coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta, para financiar o Campus Auga, e do convenio que ten coa empresa Viaqua Xestión Integral de Augas de Galicia SAU.
Dotados cun orzamento total de case 9000 euros, os premios teñen como obxectivo recoñecer e estimular os esforzos dos investigadores que contribúan a desenvolver a especialización do campus de Ourense. Contan con diferentes modalidades, abarcando traballos fin de estudos, teses, contribucións científicas, transferencia e divulgación.
No caso de traballos fin de grao e máster houbo catro propostas premiadas:
- TFM “Avaliación do efecto do fungicida tetraconazol sobre o lévedo Saccharomyces cerevisiae EC1118™ mediante unha aproximación metabolómica”, enmarcado na liña de alimentación funcional e realizado por Laura Gallego, con Raúl Iglesias e Elena Martínez como titores.
- TFG “Síntese, caracterización e aplicación de biochar e hydrochar como catalizadores na produción de hidróxeno”, relacionado con agricultura e medio ambiente, levado a cabo por María Bolaños e tutorizado por Aida María Díez e Marta María Pazos.
- TFG “Proxeccións futuras de caudais extremos nas principais cidades da conca do Miño-Sil”, sobre xestión da Auga, realizado por Sabrina Hernández e con Diego Fernández e María Teresa de Castro como titores.
- TFG “Claro coma a auga: unha nova vida para os residuos agroindustriais destinada á descontaminación de fármacos en augas residuais mediante adsorción e posterior degradación dos contaminantes”, tamén sobre xestión de auga, elaborado por Verónica Laíño e tutorizado por Aída María Díez e Marta María Pazos.
No que respecta á modalidade de teses de doutoramento concedéronse dous galardóns:
- “Impacto das tetraciclinas sobre as comunidades microbianas de solos agrícolas”, enmarcado na liña de agricultura e medio ambiente, realizado por Vanesa Santas e dirixido por Manuel Arias e David Fernández.
- “Modelos Territoriais de Aproveitamento dos Recursos Termais en Europa”, sobre a xestión da auga, levado a cabo por José Ángel Vázquez Barquero (colaborador habitual de La Región), tutorizado por Santiago Lago e Pedro Araújo.
Os recoñecementos para as mellores contribucións científicas, concedéronse concretamente a varios artigos publicados en revistas destacadas:
- “Metal and metalloid profile as a fingerprint for traceability of wines under any Galician protected designation of origin”, relacionado coa alimentación funcional, elaborado por Cecilia Araceli Martínez, con Gonzalo Astray, Juan Carlos Mejuto e Jesús Simal como coautores.
- “Projected changes in atmospheric moisture transport contributions associated with climate warming in the North Atlantic”, enmarcado na agricultura e o medio ambiente, realizado por José Carlos Fernández que comparte autoría con Albenis Pérez, Jorge Eiras, Raquel Nieto, Luis Gimeno e Stefan Rahimi.
- “Use of Three Different Nanoparticles to Reduce Cd Availability in Soils: Effects on Germination and Early Growth of Sinapis alba L.”, tamén sobre agricultura e medio ambiente, da autora Rocío González e Andrés Rodríguez, David Fernández, Manuel Arias e Daniel Arena como coautores.
Finalmente, houbo dúas propostas distinguidas na categoría de mellores resultados de transferencia:
- “Bioprocesado de insectos para a obtención de novas proteínas de alto valor nutritivo”, sobre alimentación funcional, realizado por José Manuel Salgado, que comparte autoría con José Manuel Domínguez.
- “VITICAST: Solucións innovadoras para predición de enfermidades fúngicas en vide”, enmarcado na agricultura e o medio ambiente, levado a cabo por María Fernández e con Francisco Javier Rodríguez como coautor.
Os premios contemplaban tamén unha categoría de divulgación na que finalmente non houbo premiados.