O proxecto europeo RISC-PLUS consolida os seus resultados na reunión do Grupo de Traballo celebrada no Porto

Analizáronse os obxectivos previstos, destacando unha execución financeira próxima ao 80 % e progresos significativos na instalación de estacións de monitorización
Os avances no sistema de alerta de inundacións MIDAS, os indicadores de seca e os estudos socioeconómicos desenvolvidos no marco do proxecto, expuxéronse, tamén, no encontro celebrado na FEUP

O proxecto europeo RISC-PLUS celebrou a súa 22ª reunión do Grupo de Traballo Conxunto na sede da Facultade de Enxeñería da Universidade do Porto (FEUP), onde os socios analizaron o estado de execución do proxecto, os avances técnicos alcanzados e os próximos pasos para completar os resultados desta iniciativa de cooperación transfronteiriza.

Durante o encontro, os representantes das entidades participantes revisaron o progreso xeral do proxecto, destacando que a execución financeira aproxímase xa ao 80 %, o que reflicte o ritmo sostido de implementación das diferentes actividades previstas.

No ámbito técnico, púxose de relevo o avance na instalación de infraestruturas de monitorización. A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) completou a implantación de nove das dez estaciones previstas, mentres que a APA-ARH Norte finalizou a instalación dos seus sete estaciones hidrométricas e meteorolóxicas, destinadas a reforzar a recollida de datos ambientais no territorio.

Outro dos puntos abordados foi a evolución dos indicadores de seca desenvoltos no marco da Actividade 2, ferramentas que permitirán mellorar o seguimento deste fenómeno e apoiar a toma de decisións na xestión da auga. Neste contexto, a FEUP presentou a avaliación das predicións de precipitación estacional e o seu proceso de validación.

En relación coa Actividade 3, centrada na análise de inundacións, a Universidade de Vigo presentou avances relevantes no sistema MIDAS, destacando a implementación de novos servidores que reforzarán a capacidade de procesamento e almacenamento de información do sistema, elemento crave para a integración e análise dos datos xerados polas estacións de monitorización.

Pola súa banda, a FEUP expuxo os traballos realizados para mellorar a aplicación do sistema MIDAS na conca do río Lima, así como a análise dos episodios de precipitacións intensas rexistrados durante os primeiros meses de 2026.

No ámbito da Actividade 4, dedicada á análise socioeconómica, a Universidade de Vigo presentou os progresos no estudo do impacto socioeconómico dos incendios forestais, unha liña de investigación orientada a comprender mellor as consecuencias destes fenómenos no territorio.

A sesión concluíu cunha reflexión conxunta sobre os próximos pasos do proxecto. Os socios tamén acordaron manter novas reunións técnicas nos próximos meses para continuar coordinando os traballos e avanzar nas distintas liñas de investigación e desenvolvemento.

Contexto de planificación hidrolóxica

Durante a reunión tamén se abordou o contexto normativo en materia de xestión da auga, marcado pola consulta pública do Esquema de Temas Importantes do ciclo de planificación hidrolóxica 2028-2033, segunda etapa da elaboración do plan hidrolóxico.

Con este encontro, o proxecto RISC-PLUS reforza a colaboración entre institucións de ambos os lados da fronteira e continúa avanzando no desenvolvemento de ferramentas e coñecemento orientados a mellorar a xestión dos riscos climáticos e ambientais no territorio.

Este proxecto, cofinanciado polo programa europeo Interreg España–Portugal (POCTEP) 2021–2027, aposta por solucións baseadas no coñecemento científico, a cooperación transfronteiriza e a innovación tecnolóxica, para garantir unha xestión eficiente e sostible da auga nun escenario marcado polo cambio climático.

Fonte da noticia: