- A nova infraestrutura reforzará o Sistema Automático de Información Hidrolóxica (SAIH), permitindo monitorizar, en tempo real, o nivel do río Támoga, a pluviosidade e a temperatura ambiente
- A actuación, cun investimento de 47.000 euros, mellora a capacidade de prevención fronte a inundacións e secas na demarcación Miño-Sil
Ourense, 24 de novembro de 2025.- A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil O.A. (CHMS) finalizou a instalación dunha nova estación do Sistema Automático de Información Hidrolóxica (SAIH) no río Támoga, ao seu paso por Toiral, no concello de Cospeito (Lugo). A actuación enmárcase no proxecto europeo POCTEP RISC_PLUS, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg VI A España-Portugal 2021-2027.
Os traballos executados permitiron a posta en funcionamento deste novo punto de control hidrolóxico, que incorpora obra civil específica, un sensor radar para a monitorización continua do nivel da auga no leito, así como equipos para rexistrar a pluviosidade e a temperatura ambiente. A estación inclúe ademais un sistema de adquisición e tratamento de datos que envía a información rexistrada cada cinco minutos ao Centro de Control de Conca (CECU), situado en Ourense.
Cun investimento aproximado de 47.000 euros, esta actuación reforza a capacidade de observación en tempo real na demarcación hidrográfica do Miño-Sil. A incorporación de novas tecnoloxías de medición e transmisión permitirá obter un coñecemento mais preciso do comportamento hidrometeorolóxico do territorio, optimizando a xestión do recurso hídrico e a planificación fronte a episodios adversos.
A ampliación da Rede SAIH representa un avance significativo na protección do ambiente, do territorio e da poboación. O acceso a datos fiables e actualizados en tempo real facilita a adopción de decisións máis eficaces por parte das autoridades competentes, favorecendo a prevención, a preparación e a resposta fronte a fenómenos extremos como inundacións ou secas.
Con esta nova estación, a CHMS continúa fortalecendo o seu compromiso coa xestión sustentable da auga e coa mellora dos sistemas de alerta temperá no marco do proxecto RISC_PLUS.
Este proxecto cofinanciado polo proxecto europeo Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, aposta por solucións baseadas no coñecemento científico, na cooperación transfronteiriza e na innovación tecnolóxica, para garantir unha xestión eficiente e sustentable da auga nun escenario marcado polo cambio climático.
