Estudantes de Enxeñaría Civil visitan o Centro de Control de Conca da CHMS para coñecer o sistema de alerta temperá do proxecto RISC_PLUS

  • Os estudantes coñecen en primeira man o sistema de alerta temperá promovido polo RISC_PLUS nas bacías do Miño e do Limia
  • A visita incluíu demostracións técnicas, modelos de predición e unha saída de campo a unha estación SAIH do río Miño

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, recibiu no seu Centro de Control de Cunca (CECU) a estudantes de Enxeñaría Civil do Campus de Lugo da USC e ao alumnado internacional procedente de México, Perú e Colombia. A visita enmárcase nas accións de divulgación e transferencia de coñecemento do proxecto RISC_PLUS, cuxo obxectivo é mellorar a monitorización hidrolóxica e a capacidade de resposta ante inundacións e secas nas bacías internacionais do Miño e do Limia.

Durante a xornada, os responsables do CECU ofreceron aos estudantes unha explicación detallada sobre o funcionamento dos sistemas de control hidrolóxico e de calidade da auga —SAIH e SAICA—, que forman parte da rede intelixente utilizada para alimentar o sistema de alerta temperá do proxecto RISC_PLUS.

Os alumnos puideron coñecer como se reciben, procesan e transmiten en tempo real os datos procedentes dos puntos de control distribuídos pola demarcación: ríos, encoros e acuíferos que achegan medicións cada cinco minutos sobre variables hidrometeorolóxicas esenciais para anticipar fenómenos extremos.

Ademais da exposición técnica, os estudantes asistiron a demostracións prácticas do uso de ferramentas de predición hidrolóxica e modelos de simulación empregados na xestión diaria da cunca. Tamén recibiron información sobre os plans de actuación fronte a secas e inundacións, ámbitos nos que RISC_PLUS impulsa melloras significativas mediante novas estacións, maior capacidade de intercambio de información e sistemas avanzados de modelización.

A xornada concluíu cunha visita sobre o terreo a unha estación do Sistema Automático de Información Hidrolóxica situada no río Miño ao seu paso por Ourense. Alí puideron observar en primeira man como se captan os datos nos sensores instalados, como se transmiten vía satélite ao CECU e como estes mecanismos permiten unha vixilancia eficiente ante posibles crecidas ou episodios de contaminación.

O alumnado e profesorado participante valorou moi positivamente a visita, tanto pola súa utilidade académica como pola oportunidade de coñecer de preto a infraestrutura tecnolóxica que sustenta a xestión do risco hidrolóxico e que RISC_PLUS está a reforzar na eurorrexión Galicia–Norte de Portugal.

Este proxecto, cofinanciado polo programa europeo Interreg España–Portugal (POCTEP) 2021–2027, aposta por solucións baseadas no coñecemento científico, na cooperación transfronteiriza e na innovación tecnolóxica, para garantir unha xestión eficiente e sustentable da auga nun escenario marcado polo cambio climático.