- Sete novas estacións hidrometeorolóxicas modernizan a vixilancia do Miño e da Limia no marco do proxecto europeo RISC-PLUS.
O proxecto europeo RISC_PLUS, liderado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) e coa participación da Axencia Portuguesa do Ambiente (APA), continúa avanzando en territorio portugués coa instalación e modernización de sete estacións hidrometeorolóxicas nas cuncas dos ríos Miño e Limia. A actuación, desenvolvida no marco da Actividade 1 destinada ao coñecemento integral da cunca, céntrase na mellora das redes de control e no intercambio de información entre ambos os países.
Catro destas estacións foron instaladas totalmente dende cero en Cavada (Caminha), Cerdeira (Vila Nova de Cerveira), Merufe (Monção) e Segude (Monção), ampliando notablemente a capacidade de monitorización en zonas clave da cunca internacional.
A esta ampliación súmase a modernización de tres estacións existentes pertencentes ao Sistema de Vixilancia e Alerta de Recursos Hídricos (SVARH), ubicadas en Extremo (Arcos de Valdevez), Nogueira (Viana do Castelo) e Vila Nova de Cerveira. A actualización inclúe melloras nos seus sensores e nos sistemas de teletransmisión, reforzando a fiabilidade e a rapidez na transmisión de datos.
Todas as estacións incorporan equipamento de última xeración que permite rexistrar de forma continua parámetros esenciais para a xestión da auga, como a precipitación, o caudal, a temperatura, a humidade e os niveis hídricos. Grazas a estes datos será posible mellorar os modelos hidrolóxicos e optimizar os sistemas de alerta temperá ante fenómenos extremos como inundacións, episodios de caudal rápido ou períodos prolongados de seca.
A instalación destas sete estacións representa un paso decisivo na consolidación dun sistema de vixilancia transfronteiriza máis sólido, así como na cooperación técnica entre Portugal e España nas cuncas internacionais do Miño e da Limia. O proxecto RISC_PLUS, financiado polo programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, aposta pola innovación tecnolóxica e pola colaboración institucional para garantir unha xestión da auga sustentable e adaptada aos retos do cambio climático.