A CHMS reforza a vixilancia da calidade do río Sil cunha nova estación automática no Barco| Somos Comarca

Confederación Hidrográfica Miño-Sil instala un sistema de medición en tempo real que permitirá detectar contaminacións e mellorar a xestión hídrica da comarca

O Barco de Valdeorras dá un paso adiante na protección dos seus recursos hídricos. A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) inaugurou unha nova estación do Sistema Automático de Información de Calidade das Augas (SAICA) no río Sil, co obxectivo de monitorizar en tempo real parámetros crave para a saúde do río e garantir unha resposta rápida ante posibles episodios de contaminación.

A instalación consiste en unha sonda multiparamétrica que permitirá rexistrar variables físico-químicas como turbidez, osíxeno disolto, condutividade, concentración de amonio, pH e temperatura da auga. «Este sistema permite detectar os episodios de contaminación accidental que se poidan producir nesta masa de auga e actuar de forma máis rápida e eficaz», explican desde a CHMS. Ademais, os datos envíanse vía satélite ao Centro de Control de Conca (CECU) de Ourense cada quince minutos e publícanse na páxina web do organismo para consulta pública.

Segundo Carlos Guillermo Ruiz do Portal, xefe da Oficina de Planificación Hidrolóxica, «a demarcación do Miño-Sil conta con 123 estacións que facilitan información hidrolóxica (SAIH) e 20 delas están dotadas de tecnoloxía específica para achegar, ademais, datos de calidade das augas (SAICA)». A nova estación do Barco intégrase así nunha rede máis ampla que permite un control continuo e actualizado da saúde do río Sil.

A actuación enmárcase dentro do proxecto POCTEP RISC_PLUS, financiado en gran parte polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg VIN A España – Portugal (2021-2027). Este proxecto busca mellorar a prevención e xestión #ante fenómenos extremos como inundacións, secas ou episodios de contaminación, así como avaliar os efectos do cambio climático na demarcación internacional dos ríos Miño, Sil e Limia. Dos 55.526,45 euros investidos no Barco, 36.285,75 euros foron sufragados grazas a esta iniciativa europea.

A nova estación representa unha ferramenta clave para protexer a biodiversidade, a saúde pública e o patrimonio natural de Valdeorras. Coa chegada desta tecnoloxía, os veciños e as administracións contarán con información máis precisa e actualizada, facilitando decisións rápidas #ante calquera incidencia e reforzando o compromiso coa sustentabilidade do río Sil.

Con este investimento, O Barco e toda a comarca dan un paso firme cara a un futuro máis seguro e consciente coas súas augas, demostrando que a tecnoloxía e a cooperación internacional poden ir da man para coidar o medio ambiente.

Fonte da noticia: