- Aprobaron o novo Plan Especial de Seca e delimitaron as zonas potenciais de inundación.
O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, convocou este martes aos órganos de goberno, participación e cooperación da demarcación para analizar diversos temas relacionados coa xestión hídrica. Son a Xunta de Goberno, o Comité de Autoridades Competentes e o Consello da Auga. Iniciaron a exposición pública do cuarto ciclo de planificación hidrolóxica 2028-2033, dispoñible ata o 20 de xuño de 2025. Os documentos recollen as actividades, prazos e estratexias necesarias para a elaboración do novo plan hidrolóxico, que deberá aprobarse antes de finais de 2027.
Respecto ao estado da demarcación, 192 masas de auga superficiais acadan o bo estado das 287 delimitadas, o que supón un 67 %. En canto ás augas subterráneas 22 delas acadan o bo estado e dúas diagnosticáronse como malo. O grao de avance do programa de medidas no primeiro ano de vixencia do plan é do 18 %, executando un investimento de 82 millóns de euros no ano 2023.
Por outra banda, o Consello da Auga aprobou a proposta do novo Plan Especial de Seca, que inclúe medidas adaptadas ao cambio climático e estratexias para mitigar os impactos ambientais. Recolle a identificación de unidades territoriais de seca prolongada e escaseza, o rexistro histórico e o impacto do cambio climático, así como os indicadores e as medidas a aplicar en cada escenario para atenuar as consecuencias.
Tamén trataron a proposta final para os tramos seleccionados como Áreas con Risco Potencial Significativo de Inundación (ARPSIs), elevada ao Comité de Autoridades Competentes e aprobada. Conclúe que a demarcación do Miño-Sil ten 618,99 km de ríos en zona potencial de inundación.
A falta da aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, prorrogáronse os de 2024. A proposta orzamentaria da CHMS para 2025 ascende a 52,8 millóns de euros, un 9,72% máis que o ano anterior, con previsión de financiar os gastos mediante recursos propios.