- Ata a data, finalizaron xa os traballos nas estacións ubicadas no río Narla en Friol, no río Quiroga e no río Tamuxe no Rosal
O proxecto europeo POCTEP RISC_PLUS, enfocado en fortalecer a resiliencia das concas transfronteirizas do Miño e Limia fronte ao cambio climático, avanza na implementación de sistemas automáticos de información hidrolóxica e de calidade das augas, análise de secas e previsión de crecidas e inundacións. Estas accións consolidan o seu compromiso cunha xestión hídrica sostible e adaptada aos desafíos actuais, tal e como explican dende a Confederación Hidrográfica Miño Sil.
Actualmente o sistema automático de información hidrolóxica (SAIH) conta con 116 puntos de control na Demarcación do Miño-Sil que serán 124 ao final do proxecto. Da mesma forma, o sistema automático de información de calidade das augas (SAICA) que conta con 18 estacións, verase incrementado a 20 unha vez que conclúa RISC_PLUS.
Ata a data, finalizaron os traballos e están en funcionamento as estacións ubicadas no río Narla en Friol (Lugo), río Quiroga en Quiroga (Lugo) e río Tamuxe no Rosal (Pontevedra). Ademais, dúas estacións máis atópanse nun avanzado estado de execución, coas obras civís practicamente concluídas ubicadas no río Sil en Toreno (León) e no río Lobios en Lobios (Ourense). Pola súa parte, os socios portugueses, están levando a cabo traballos administrativos para completar a rede de vixilancia no seu territorio, garantindo un enfoque coordinado e transfronteirizo.
“É importante lembrar que a través das estacións SAIH obtense información dos nosos cauces, en tempo real, baseado na captura, transmisión e procesado dos valores adoptados polas variables hidrometeorolóxicas e hidráulicas máis significativas; os sensores destes puntos de control sitúanse en ubicacións xeográficas moi concretas e estudadas de cara a conseguir datos precisos que axuden na toma de decisións” explicou José Antonio Quiroga, presidente da CHMS.
O proxecto avanza, ademais, no desenvolvemento dun Plan de Especial de Seca Conxunto, que xa está recompilando datos clave e empregando previsións meteorolóxicas para crear protocolos que permitan diagnosticar e xestionar escenarios de seca prolongada e escaseza conxuntural.
Da mesma forma, comezamos coa recompilación de datos relevantes e coa planificación de escenarios utilizando previsións meteorolóxicas e hidrolóxicas, o que permitirá elaborar protocolos detallados para a avaliación e xestión do risco de seca na demarcación internacional.
“O proxecto continuará traballando na integración de novos puntos de control na parte portuguesa da demarcación, reforzando así o enfoque colaborativo. Así mesmo, prevese completar as labores de dixitalización e ampliar os protocolos para unha xestión máis efectiva e coordinada dos riscos hidrolóxicos, así como continuar coa identificación dos sectores socioeconómicos máis afectados por cambios no réxime hidrolóxico futuro” engadiu o presidente.
“RISC_PLUS iniciouse en xullo de 2023 e ten prevista a súa finalización en xuño de 2026, contando cun orzamento de 1,6 millóns de euros, dos que ata a data executouse máis do 50 %. O avance do proxecto RISC_PLUS reafirma o seu compromiso coa innovación hídrica e a sostibilidade, posicionándose como un referente na xestión transfronteiriza de riscos asociados ao cambio climático” subliñou Quiroga.
“O programa Interreg VA España-Portugal (POCTEP) promove proxectos de cooperación transfronteiriza co apoio da Unión Europea, o que facilita e favorece o desenvolvemento de traballo conxunto en proxectos estratéxicos esenciais para prevención e a preparación fronte aos fenómenos extremos, avanzando na dixitalización para unha adecuada a xestión da auga na demarcación internacional”, conclúe o presidente.