Técnicos da CHMS fórmanse en simulacións hidráulicas con Iber en colaboración coa UVigo, no marco do proxecto RISC_PLUS

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) participou na primeira edición do curso “Iber como ferramenta para a Confederación Hidrográfica Miño-Sil”, unha formación especializada organizada polo grupo de investigación Ephyslab da Universidade de Vigo, socio do proxecto europeo POCTEP Risc_Plus.

Durante tres xornadas, o persoal técnico da CHMS puido profundar no uso de Iber, unha ferramenta avanzada para simulacións hidráulicas que permite modelar fluxos en leitos naturais, analizar escenarios de inundación e planificar medidas de prevención. Esta formación alíñase cos obxectivos do proxecto RISC_PLUS, que busca mellorar a resiliencia das concas internacionais do Miño e o Limia fronte a fenómenos extremos como inundacións e secas, promovendo solucións innovadoras baseadas no coñecemento e a cooperación transfronteiriza.

Grazas a esta capacitación, refórzase a capacidade técnica do organismo para aplicar modelos preditivos e ferramentas dixitais na toma de decisións ante riscos hidrolóxicos, avanzando cara a unha xestión máis eficiente e anticipativa da auga, tal e como establece a Directiva Marco da auga.

A actividade formativa pon de manifesto o valor engadido do proxecto RISC_PLUS como proxecto estratéxico de cooperación entre España e Portugal, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg VIN-A España–Portugal (POCTEP) 2021–2027.