A Universidade de Vigo, como socia do proxecto RISC_PLUS, participou nunha xornada educativa no Colexio A Purísima de Ourense, dirixida ao alumnado de 4º da ESO. A sesión centrouse no impacto do cambio climático e a xestión do risco de inundacións nas bacias dos ríos Miño e Limia.
Durante a charla, o equipo da UVigo explicou o funcionamento do Sistema de Alerta Temperá ante inundacións, unha ferramenta fundamental para a prevención e xestión de emerxencias hídricas. Este sistema permite monitorizar en tempo real os niveis de auga e caudais dos ríos, facilitando a toma de decisións e a activación de protocolos de emerxencia con antelación suficiente.
O encontro permitiu sensibilizar aos estudantes sobre a importancia da xestión hídrica e a adaptación ao cambio climático, promovendo unha maior conciencia sobre os desafíos ambientais do futuro.
O proxecto RISC_PLUS conta tamén coa participación da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), a Agência Portuguesa do Ambiente (APA) e a Faculdade de Engenharia dá Universidade do Porto (FEUP) como socios. Xuntos, traballan para fortalecer a resiliencia fronte a inundacións e secas na demarcación hidrográfica internacional dos ríos Miño e Limia, impulsando solucións innovadoras na xestión da auga.

