A CHMS reforza a vixilancia hidrolóxica en León cunha nova estación no río Tremor no ámbito do proxecto RISC_PLUS

  • A nova estación do río Tremor reforza a monitorización hidrolóxica en tempo real en Torre del Bierzo

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil O.A. (CHMS), amplía a súa rede de control hidrográfico coa instalación dunha nova estación do Sistema Automático de Información Hidrolóxica (SAIH) no río Tremor, á altura do concello de Torre del Bierzo. A actuación forma parte do proxecto europeo RISC_PLUS, destinado a mellorar a prevención e resposta fronte a fenómenos hidrolóxicos extremos.

Durante os meses de verán, executáronse os traballos necesarios para habilitar este novo punto de control, que incorpora instrumentación de última xeración para medir o nivel do río, a pluviosidade e a temperatura ambiente. Estes datos rexístranse de forma continua e envíanse cada cinco minutos ao Centro de Control de Cunca (CECU) da CHMS, en Ourense, permitindo dispoñer de información actualizada e precisa ante posibles episodios de chea ou escaseza de auga.

Cun investimento aproximado de 41.300 euros, esta actuación permite ampliar e reforzar a rede de control hidrolóxico da demarcación, modernizando a capacidade de seguimento das condicións hidrometeorolóxicas nun dos afluentes do río Sil.

A instalación destes sistemas avanzados de medición permite mellorar significativamente o coñecemento do estado dos recursos hídricos e a resposta dos cursos de auga ante episodios de chuvia intensa, cheas ou períodos prolongados de seca.

O acceso a datos precisos e en tempo real a través da Rede SAIH facilita ás autoridades competentes anticiparse aos efectos de episodios extremos mediante accións de prevención, preparación e protección, contribuíndo así para a seguridade da poboación e para a conservación do medio ambiente.

Con esta nova infraestrutura, a CHMS continúa a avanzar no fortalecemento dos sistemas de alerta temperá e na xestión sustentable da auga na demarcación Miño-Sil, en consonancia cos obxectivos do proxecto RISC_PLUS.

“O proxecto RISC_PLUS, cofinanciado polo programa europeo Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, aposta por solucións baseadas no coñecemento científico, na cooperación transfronteiriza e na innovación tecnolóxica, para garantir unha xestión eficiente e sustentable da auga nun escenario marcado polo cambio climático” concluíu José Manuel Quiroga, presidente da CHMS.