- Os socios do proxecto analizaron os avances en monitorización hidrolóxica, previsión de secas e ferramentas de apoio á decisión
- O proxecto reforza a cooperación entre entidades de España e Portugal para mellorar a resiliencia fronte a fenómenos extremos
A mellora da monitorización hidrolóxica, o desenvolvemento de modelos de previsión de secas e a análise do impacto do cambio climático centraron a reunión técnica do proxecto europeo RISC-PLUS celebrada na sede da Universidade de Vigo, en Ourense.
O encontro reuniu a representantes da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Agência Portuguesa do Ambiente (APA), a Universidade de Vigo e a Faculdade de Engenharia dá Universidade do Porto (FEUP), entidades socias do proxecto, para analizar os principais avances alcanzados en distintas ferramentas orientadas a mellorar a xestión de riscos climáticos e ambientais nas concas internacionais dos ríos Miño e Limia.
Un dos aspectos salientables da reunión foi o avance nas infraestruturas de control e seguimento hidrolóxico desenvolvidas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a Agência Portuguesa do Ambiente (APA) no marco do proxecto RISC-PLUS.
Durante o encontro púxose en valor a finalización, por parte da APA, de sete novas estacións de monitorización hidrometeorológica, executadas en 2025 no norte de Portugal, reforzando a capacidade de vixilancia e seguimento da conca compartida.
Por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, destacouse que xa se atopan executadas nove estaciones de control, ademais, a futura estación dos Peares continúa en fase de desenvolvemento e a súa execución está prevista para este verán.
Así mesmo, abordouse a posibilidade de incorporar novos puntos de monitorización co obxectivo de seguir reforzando o coñecemento do comportamento hidrolóxico da conca e mellorar a capacidade de resposta fronte a fenómenos extremos como inundacións e secas.
Durante a reunión tamén se revisaron os progresos no desenvolvemento de modelos de previsión de secas presentados pola Faculdade de Engenharia dá Universidade do Porto (FEUP), así como as novas melloras incorporadas pola Universidade de Vigo ao Sistema de Axuda á Decisión do proxecto, que permitirá facilitar o acceso e análise dos datos xerados.
Outro dos ámbitos analizados foi o estudo do impacto do cambio climático sobre a produción hidroeléctrica, desenvolvido pola Universidade de Vigo a partir de datos históricos de precipitación e produción enerxética facilitados pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
A reunión volveu poñer de manifesto a importancia da cooperación entre administracións hidráulicas e centros de investigación de España e Portugal para avanzar en ferramentas que permitan anticipar riscos, mellorar a xestión da auga e reforzar a resiliencia do territorio fronte ao cambio climático.
A través de iniciativas como RISC-PLUS, as entidades participantes continúan impulsando solucións baseadas no coñecemento científico, a monitorización e a cooperación transfronteiriza para mellorar a prevención e xestión de fenómenos extremos.
Este proxecto, cofinanciado polo programa europeo Interreg España–Portugal (POCTEP) 2021–2027, aposta por solucións baseadas no coñecemento científico, a cooperación transfronteiriza e a innovación tecnolóxica, para garantir unha xestión eficiente e sostible da auga nun escenario marcado polo cambio climático.






