Comprobaron in situ o desenvolvemento o traballo diario no CECU
Aprenderon sobre o funcionamento das ferramentas e modelos de predición hidrolóxica que se utilizan no SAIH, que consta de 160 puntos de control repartidos polo territorio da demarcación e remiten datos, en tempo real, de variables hidrometeorológicas, así como, variables físico químicas controladas polo SAICA
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), recibiu a visita dos estudantes da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus de Lugo da USC, no seu Centro de Control de conca (CECU), para ver in situ como se desenvolve o traballo diario nestas instalacións.
Os responsables do CECU foron os encargados de realizar unha exposición pormenorizada sobre a recepción, tratamento e transmisión dos datos procedentes dos distintos puntos de control (SAIH E SAICA) que se atopan ao longo de extensa rede hidrográfica da demarcación, ríos, encoros e acuíferos; onde se rexistran datos das variables hidrometeorológicas cada cinco minutos, para poder levar unha mellor vixilancia e seguimento ante calquera imprevisto e sobre os plans e sistemas de actuación fronte a secas e inundacións ou calquera outra circunstancia que puidese suceder.
Da mesma forma, puideron observar o funcionamento das diferentes ferramentas e modelos de predición hidrolóxica que se utilizan no SAIH, que consta de 160 puntos de control repartidos polo territorio da demarcación e remiten en tempo real datos de variables hidrometeorológicas, así como as variables físico químicas de calidade das augas controladas polo Sistema Automático de Calidade das Augas (SAICA).
Tamén recibiron unha explicación dos acordos con outras demarcacións e países, así como dos proxectos que está a levar a cabo a CHMS para aumentar e mellorar os puntos de control (telenivómetros, piezómetros etc.)/ etc.) que se atopan por toda a conca, a través do proxecto Poctep Risc_Plus.
Ao finalizar a visita ao Centro de Control, trasladáronse á estación do Sistema Automático de Información Hidrolóxica e de Calidade das Augas situada no río Miño, ao seu paso pola cidade de Ourense. Nela, comprobaron como se captan os datos nos distintos sensores das instalacións e como son remitidos ao CECU vía satélite para o seu correcto seguimento e tratamento #ante posibles crecidas ou verteduras.
Alumnos, profesores e responsables do CECU tamén tiveron a oportunidade de comentar anécdotas e curiosidades acontecidas na demarcación e intercambiar experiencias, e ambas as partes quedaron moi satisfeitas tanto co resultado da visita a nivel técnico e académico, como co trato recibido polo persoal da CHMS e o interese mostrado polos alumnos.

