A CHMS ampla o sistema automático de calidade das augas (SAICA) cunha estación no río Tamuxe no Rosal

  • Instalación cofinanciada a través do Proxecto Europeo POCTEP RISC_PLUS
  • A demarcación hidrográfica do Miño-Sil conta con 116 estacións que facilitan
    información hidrolóxica (SAIH) e 19 delas están dotadas de tecnoloxía específica para
    aportar, ademais, datos de calidade das augas (SAICA)

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) finalizou a instalación dunha nova estación do Sistema Automático de Calidade das Augas (SAICA) no río Tamuxe, ao seu paso polo municipio pontevedrés de O Rosal.

Os traballos consistiron na instalación dunha sonda multiparamétrica que subministrará datos en tempo real de variables físico-químicas tan importantes para a calidade das augas como a turbidese, o osíxeno disolto, a condutividade, a concentración de amonio ou o pH, así como a temperatura da auga.

Este sistema permite detectar os episodios de contaminación accidental que se poidan producir nesta masa de auga e actuar de forma máis rápida e eficaz; do mesmo xeito, permitirase facer un mellor diagnóstico e control continuo do estado da masa de auga do río Tamuxe.

O envío dos datos desde a nova estación ata a súa recepción no centro de control de conca (CECU) da CHMS, situado na cidade de Ourense, realizarase vía satélite, recibiéndose un valor de cada variable cada quince minutos. Neste momento estanse realizando as probas e conexións necesarias para comprobar e asegurar o correcto funcionamento da transmisión de datos para a súa publicación na páxina web da CHMS nas próximas semanas.

Esta nova estación enmárcase no proxecto de ampliación da rede SAICA no marco do Proxecto RISC_PLUS, cuxo obxectivo é o deseño de medidas conxuntas orientadas á prevención, preparación, protección, predición e unha mellor xestión ante os fenómenos extremos, tales como inundacións e sequías e fenómenos de contaminación accidental, así como avaliar e combater os efectos do cambio climático na demarcación internacional das conca dos ríos Miño, Sil e Limia.

As actuacións descritas supuxeron unha inversión de 41.105 € cofinanciados a través do Proxecto Europeo POCTEP RISC_PLUS.