Quiroga amplía a rede de medicións de caudal na conca Miño-Sil

A nova estación sumarase ás que funcionan en Ribas Altas e Vilasouto.

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil amplía cunha nova instalación no concello de Quiroga a súa rede de sistemas automáticos de información hidrolóxica, mediante a que obtén en tempo real información de utilidade para a xestión de recursos hídricos e a previsión e control de enchentes. As obras teñen un orzamento de 44.000 euros e están cofinanciadas con fondos europeos procedentes do programa Feder. Na actualidade, a denominada rede SAIH conta con 16 puntos de medición de caudal en toda a demarcación Miño-Sil.

Neste momento estanse a levar a cabo os traballos previos á posta en funcionamento da estación de Quiroga. A obra civil complétase coa instalación do instrumental que permitirá monitorizar o nivel da auga no leito, a pluviosidade ou a temperatura ambiente, así como o sistema de adquisición e tratamento dos datos rexistrados no novo punto de control. A información será transmitida cada cinco minutos ao Centro de Control de Cunca situado en Ourense.

Estes datos serven de referencia á confederación hidrográfica para formular medidas ante episodios extremos como enchentes ou períodos de prolongada seca. No sur de Lugo funcionan puntos de control destas características no encoro de Vilasouto, no Incio, e no río Cabe augas arriba do casco urbano de Monforte, na parroquia de Ribas Altas.

Fonte da noticia: