Mapas, datos e interface: así é o sistema da UVigo para afrontar chuvias extremas

  • Un método desenvolto no grupo Ephyslab calcula os caudais dos ríos e simula os asolagamentos ante precipitacións torrenciais

O equipo EphysLab, do Campus Auga da UVigo en Ourense, ultima a creación dun sistema de alerta temperá ante inundacións na conca do Miño-Sil. Este modelo execútase diariamente e está conectado a unha interface gráfica que permite cunha linguaxe sinxela e visual estimar o risco de inundación e a extensión da zona asolagada. O sistema, integrado por un módulo hidrolóxico e outro hidráulico, xerouse no marco do proxecto internacional RISC_ML, en colaboración coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

A base de funcionamento do sistema consiste principalmente en que unha vez emitidas as previsións meteorolóxicas de MeteoGalicia para as seguintes 72 horas, utilízanse como entrada no módulo hidrolóxico para transformar esa choiva en escorrentía e obter as previsións de caudal en diferentes puntos de interese ao longo de toda a conca, tanto nos ríos principais, o Miño e o Sil, como nos seus afluentes. Unha vez obtidos estes caudais, utilízanse como input no módulo hidráulico, que permite facer simulacións de como será a inundación, se a houbese, xerada por eses caudais.

Mapas de inundación

É dicir, faise un modelado numérico hidráulico naquelas zonas e vilas onde hai risco de inundación. Cando se prevé un caudal que poida causar inundación en cada unha desas zonas, utilízase como entrada no modelo hidráulico correspondente, que permite xerar os mapas de inundación e de risco asociado. As zonas onde se prevé que a inundación cause risco, son aquelas onde a lámina de auga ten unha certa altitude ou velocidade que supera limiares preestablecidos.

Actualmente o sistema atópase na fase final de calibración e validación, e o seguinte paso é facelo plenamente operativo, para poder axudar na toma de decisións, o que se está levando a cabo dentro dun novo proxecto internacional concedido, o RISC_PLUS, que é continuación do anterior, e sempre en colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Efecto invernadoiro

Diego Fernández é investigador do Ephyslab. Analiza especialmente as inundacións e estuda a súa dinámica e a súa evolución para a partir de aí tomar as medidas de mitigación necesarias, e minimizar os danos que poden causar estes eventos extremos.

“O efecto invernadoiro ten moitos impactos sobre moitos compoñentes do ciclo climático, pero especialmente sobre o ciclo hidrolóxico. Estamos vendo que en moitas rexións do planeta este quecemento está intensificando o ciclo hidrolóxico, que implica isto, que temos cada vez máis situacións de seca pero tamén máis riscos de inundacións. Estes impactos tamén están afectando a Galicia. Os nosos estudos indican que estas situacións hidrolóxicas extremas serán cada vez mais frecuentes e intensas na nosa comunidade. Nas últimas décadas xa estamos vendo este incremento tanto nas situacións de seca na nosa comunidade, así coma do risco de inundacións que se está intensificando nos últimos tempos. De feito, é esperable que incluso zonas galegas onde antes non había inundacións, no futuo poderían verse afectadas”, destaca o físico e doutor en Ciencias Mariñas.

Agora mesmo traballa no deseño deste sistema antiinundacións na conca do río Miño, e advirte da necesidade de implementar estas medidas no noso territorio. “Os sistemas de alerta temperá son un dos mecanismos máis eficientes para minimizar os danos. No noso caso concreto cando se prognostica un evento extremo de precipitación, tratamos de ver como vai afectar os nosos ríos e as inundacións que poden provocar para que logo sexan as autoridades, e protección civil quen poida tomar medidas con antelación e así diminuír o dano destes eventos. Este sistema ante un prognóstico de precipitación, transforma iso no caudal correspondente. Non sempre o mesmo evento de precipitación vai causar o mesmo impacto no caudal xa que isto depende de diversos factores como o estado de humidade do solo, os requerimentos de auga da vexetación…”, explica o investigador da UVigo.

Menos auga nos ríos pero precipitacións máis fortes

Ante eses prognósticos de precipitación, o que fan e transformar isto en caudais e ver como vai ser a súa evolución nos seguintes días. Tamén fan simulacións hidráulicas que serven para simular como eses caudais poden inundar algunhas zonas das vilas para poder ir tomando medidas. Isto en tempo real. De cara ao futuro o que fan é introducir datos dos denominados modelos climáticos que revelan como poden evolucionar as precipitacións durante os próximos anos.

“Eses datos metémolos no noso sistema e xa nos indican a evolución dos caudais dos ríos. Se comparamos os caudais actuais cos futuros podemos ver como vai evolucionar esa situación. Se vemos unha zona que agora non se inunda pero que dentro duns anos si que se pode inundar, permitiríanos tomar medidas como restrinxir construcións nesa zona. O sistema ten estas vertentes xa que permite analizar o que vai pasar nos próximos días, pero tamén o que pode suceder no futuro e ir mitigando eses impactos”.

Todo este modelado hidrolóxico e hidráulico da conca do Miño-Sil tamén se utilizou para tratar de analizar como será a evolución futura dos patróns fluviais na conca. Para iso, utilizáronse como inputs no sistema xerando datos de precipitación dos modelos climáticos rexionalizados do Coupled Model Intercomparison Project (CMIP), utilizando proxeccións climáticas ata o ano 2100. De xeito xeral o que se observa é unha diminución da auga que levarán os ríos da conca a medida que o século avance, é dicir, a media anual de caudal será menor, polo que haberá menos auga dispoñible.

Risco de períodos secos

Ademais, esta diminución será mais acusada en verán, polo que o risco de períodos secos incrementarase. “Os estudos estiman que o río Miño vai ter unha perda de auga dun 20% menos a finais de século. Sabendo isto podemos adaptarnos a escenarios futuros”, sinala Diego Fernández. “No futuro imos ter máis risco de que non se cumpra o caudal ecolóxico, especialmente no verán. Nesa época imos ter menos auga da que xa temos agora. Se estamos por baixo do caudal ecolóxico do Miño, teremos un empeoramento da calidade das augas e da súa biodiversidade. Os encoros poden facer un papel importante no futuro. O seu aproveitamento poderá mitigar estes impactos no verán, e no inverno, se teñen capacidade, mitigar as crecidas dos ríos. Debemos ter conciencia cada vez máis dun uso sostible da auga porque imos ter menos auga dispoñible, incluso nunha zona como Galicia que non é seca”, sostén.

Intensificación das precipitacións extremas

Pola contra, tamén se observou que os eventos de precipitación extrema, e inundacións, se intensificarán. Isto ten a súa base no quecemento da atmosfera asociado ao cambio climático, o que eleva a súa capacidade para reter humidade, o que provoca que os eventos extremos de precipitación, no caso da conca do Miño-Sil principalmente debidos a borrascas e as súas frontes asociadas, poidan ser máis intensos. Isto implica que a medida que avancemos no século os eventos de precipitación extrema, e polo tanto as inundacións, aumenten tanto a súa frecuencia como a súa intensidade. Isto provocará, segundo as previsións, que non soamente as zonas inundables da conca Miño-Sil se vaian inundar de forma mais frecuente e intensa, senón que ademais, zonas que actualmente non se asolagan poderán asolagarse nun futuro.

O incremento dos eventos extremos de precipitación pode ter unhas consecuencias importantes sobre as poboacións, xa que levarían asociados eventos de desbordamento dos ríos, o que pode dar lugar a inundacións cada vez máis devastadoras, dado que os modelos mostran un inequívoco e robusto incremento dos eventos extremos de precipitación nun futuro próximo.

Fonte da noticia: